O Concello de Santiago comezará realizar a vindeira semana os traballos de roza en viarios e fincas de titularidade municipal. A primeira actuación realizarase o luns 11 de xuño na parroquia de Laraño, onde, segundo as previsións, os equipos permanecerán tres días. A seguintes paradas serán Villestro, Figueiras, A Peregrina, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. Para este labor, o Concello destina unha contía total que rolda os 150.000 euros.
Durante este proceso, Raxoi terá en conta o calendario de festas patronais, polo que se priorizarán as actuacións sobre os accesos aos campos da festa das diferentes parroquias. Asemade, o mércores iniciaranse os labores de limpeza nas fincas municipais, unha tarefa que correrá a conta de dúas empresas de inserción laboral.
Rafael Peña, concelleiro de Medio Rural, incidiu tamén en que o Concello non ten competencias para rozar nas “masas forestais” do municipio, polo que non se poderá actuar aí. Neste senso, Peña lembra tamén que nas parroquias de Villestro e Figueiras —as máis propensas ás vagas de lume— segue sen realizarse a concentración parcelaria, o que dificulta a actuación contra os incendios.