“O turismo é unha das forzas motoras fundamentais para entender o capitalismo”, explica o catedrático de Antropoloxía da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Esteban Ruiz. Para o experto, “todo pode ser turistificado” hoxe en día coas consecuencias que isto conleva para os espazos públicos ademais do impacto económico causado, por exemplo, no prezo das vivendas.
No 14º Congreso de Antropoloxía que se está celebrando esta semana en Santiago, o científico titular no Consejo Superior de Investigaciones Científicas de Madrid, Pedro Tomé, explicou os tres grandes impactos do turismo que se dan: nas cidades de gran potencia turística, nas aldeas e na propia natureza. Sobre este último, aclara que nos últimos anos a natureza converteuse en “mercadoría” turística. O científico Pedro Tomé tamén asegura que non só se transforman as cidades senón que o cambio afecta a toda a contorna. Isto débese a que a “turistificación” de todos os espazos produce migracións a diversas escalas.