Home Programas Espazo Aberto O TSXA anula a autorización de funcionamento da mina de Atalaya Riotinto Minera

O TSXA anula a autorización de funcionamento da mina de Atalaya Riotinto Minera

0
O TSXA anula a autorización de funcionamento da mina de Atalaya Riotinto Minera

A Sección Primeira da Sala do Contencioso Adminsitrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA) dá a razón á Federación de Ecoloxistas en Acción de Andalucía e anula o plan de restauración mineiro na concesión de explotación de recursos de Minas de Riotinto. Isto é, deixa sen efecto a autorización de tramitación que o goberno andaluz concedeu á empresa mineira.

Esta sentenza chega despois de que o Tribunal Supremo confirmase a firmeza doutro fallo xudicial do TSXA no que botaba abaixo a Autorización Ambiental Unificada do proxecto de explotación. Polo tanto, nestes momentos, o complexo mineiro de Atalaya Riotinto Minera non dispón nin de autorización ambiental nin de autorización mineira para seguir funcionando.

Estas decisións xudiciais favorecen a loita que en Galicia leva a cabo a Plataforma Veciñal Mina Touro – O Pino NON xa que a empresa que se fixo coa concesión é a mesma, Atalaya Mining. A voceira do colectivo, Isabel García, sostén que esta mineira “que se di experimentada” ve anulada a súa autorización por múltiples irregularidades que “veremos onde acaban e a quen levan por diante”. “Aquí en Touro, tamén temos que ser a xente quen lles abramos os ollos ao goberno que, día tras día, se nega a ver o evidente permanecendo sempre favorable e facilitador da mineira e dilatando a emisión da Declaración de Impacto Ambiental sen motivo ningún. Non é entendible. O proxecto é inviable, acaba co emprego e cada día gaña máis oposición social”.