O pedagogo italiano Francesco Tonucci, ideólogo dun modelo de cidade “para os nenos e nenas”, considera imprescindible “aprender xogando” nas escolas. Baixo esta premisa, Compostela e a súa comarca organizan o XXIII Certame de Teatro Intercentros, que tenta transmitir valores “cívicos e democráticos” e promover entre a mocidade un sentimento de “amor polo teatro”.
O teatro permite mellorar o rendemento académico
Alén dos estereotipos que habitualmente acompañan ao teatro escolar, o concelleiro de Educación, Manuel Dios, salienta que se trata dunha ferramenta permite ás e os estudantes mellorar o seu “rendemento” na escola.
Funcións abertas ao público
Nesta edición participarán preto de 200 alumnos e alumnas de Primaria, Secundaria e Bacharelato de once centros diferentes. Tódalas funcións serán abertas ao público e desenvolveranse no Teatro Principal en horario de mañá e de tarde os días 7, 8, 21 e 22 de maio.