A Coordinadora das Persoas Maiores do Sindicato Labrego Galego (SLG) apoia a marcha e manifestación convocada na Galiza polo Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), que será en Madrid o vindeiro 16 de outubro. Para o SLG, a das pensións é “unha loita na que literalmente se xogan o futuro miles de labregos e labregas na Galiza”. De feito, as pensións labregas están por baixo da pensión mínima entre un 13% e un 15%.
“A inmensa maioría das persoas que deixaron de cotizar foron mulleres a favor dos seus cónxuxes varóns”
“Quen sofre especialmente esta discriminación son as mulleres. Cómpre ter en conta que, en 2007, co paso da Seguridade Social Agraria ao Sistema de Autónomos, pasaron de cotizar 200.000 persoas na Galiza a facelo 36.000. A inmensa maioría das persoas que deixaron de cotizar foron mulleres a favor dos seus cónxuxes varóns; isto agrávase ao non ser as mulleres titulares da granxa na que traballan. Iso explica que, hoxe en día, só un 5’5% das mulleres labregas acadan os 35 anos cotizados ao xubilarse cos que poden acadar o 100% da pensión a que teñen dereito; pola contra, máis do 32% das labregas chega aos 65 anos de idade con quince anos cotizados ou menos”, denuncia o SLG nun comunicado.
As baixas pensións obrigan a que os labregos e as labregas sigan traballando trala idade de xubilación, “o que está a facer que o índice de sinistralidade agraria nestas franxas de idade se dispare”, lamentan. Segundo os datos da propia Xunta de Galicia, a maioría dos accidentes no agro galego teñen como vítima homes maiores de 65 anos en tractores con máis de 20 anos de antigüidade.