O Sindicato Labrego Galego (SLG) emitiu este luns unha nota de prensa amosando o seu “total desacordo” coas tres principais organizacións agrarias do Estado que rexeitan a suba do salario mínimo interprofesional (SMI). O SLG apoia a suba do SMI “de maneira rotunda, clara e inequívoca porque manter o salario mínimo no nivel actual supón legalizar a pobreza e a exclusión social e económica de miles de traballadores e traballadoras do agro”.
“Da mesma maneira, como labregos e labregas que cotizamos como traballadores e traballadoras por conta propia, tamén queremos que nos garantan unha renda mínima digna como persoas traballadoras do campo ou Unidades de Traballo Agrario (UTAs), unhas rendas a través das cales se nos asegure uns ingresos netos mínimos de acordo ao SMI”, enuncian dende o sindicato. Por isto, o SLG reivindica que os fondos da Política Agraria Común (PAC) se orienten cara a esta finalidade, “de maneira que non haxa necesidade de tirar dos orzamentos públicos do Estado ou das comunidades autónomas para garantir esa renda mínima básica para o agro”.
Ao mesmo tempo, o Sindicato Labrego Galego esixe que a pensión mínima digna se iguale co salario mínimo interprofesional “porque, precisamente, as persoas na última etapa da súa vida é cando son máis vulnerables e precisan, máis que nunca, manter un nivel adquisitivo suficiente para vivir eses últimos anos sen perder a súa dignidade”. “Só a través de medidas coma estas poderemos enfrontar un problema que está tan de moda como a desertización demográfica do medio rural, tanto na Galiza como no Estado”, sentencian.