Home Programas Espazo Aberto O SLG considera “catastrófico para Galicia” o acordo comercial da UE con Mercosur

O SLG considera “catastrófico para Galicia” o acordo comercial da UE con Mercosur

0
O SLG considera “catastrófico para Galicia” o acordo comercial da UE con Mercosur

O medio rural de Galicia podería ser un dos grandes prexudicados do acordo de libre comercio que pretende asinar a Unión Europea con Mercosur. Unha advertencia lanzada polo Sindicato Labrego Galego (SLG) que cualifica este pacto como “catastrófico” para Galicia. “Sectores estratéxicos para a nosa economía agraria como o da carne de vacún resultarían arrasados e outros, como o apícola, esencial para a biodiversidade, tamén verían fortemente ameazada a súa supervivencia”, indican.

Sector da carne de vacún

Segundo as contas do propio sindicato, este acordo no sector da carne de vacún permitiría a entrada na UE de 99.000 toneladas de carne en canal equivalentes a 2 millóns de vacas nutrices. Isto supón máis do número total de cabezas de gando de Bélxica, Bulgaria, Dinamarca, Estonia, Grecia, Croacia, Chipre, Letonia, Luxemburgo, Hungría, Malta, Eslovenia, Eslovaquia, Lituania, Finlandia e Suecia xuntas. A isto habería que engadirlle as 65.000 toneladas de carne de vacún que se permitiría importar sen aranceis en virtude do CETA, o acordo comercial con Canadá ratificado por España en 2017. En total, a Unión Europea acabaría abrindo o seu mercado a 164.000 toneladas de carne de vacún a moi baixo prezo, o cal afundiría aínda máis o rural galego.

Nestes momentos, o sector de vacún de carne é o máis estendido e de maior implantación no noso medio rural con 20.919 granxas segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2018.

Sector apícola

En canto ao sector apícola, o acordo podería significar a entrada de 45.000 toneladas de mel libres de aranceis. Cómpre pensar que o prezo medio do mel de Mercosur en 2018 foi de 2’46 € por quilo, por baixo do nivel dos custes de produción do mel no Estado. Eses continxentes, sumados aos doutras potencias apícolas como China, poderían afundir definitivamente os prezos.

Grazas a deixar vendidos sectores agrogandeiros enteiros, beneficiaranse da apertura de fronteiras de Mercosur a industria automobilística alemá ou multinancionais do sector da alimentación con capacidade loxística e capital para exportar produtos como viño, pexegos e tomates en conserva, aceite de oliva, porcino, patacas conxeladas ou algunhas froitas frescas. Para o Sindicato Labrego Galego resulta “indignante que o ministro de Agricultura, Luís Planas, considere positivo un acordo que resultará catastrófico para sectores esenciais da nosa agricultura na Galiza, e tamén no resto do Estado; da mesma maneira que resulta incomprensible que o conselleiro de Medio Rural, Jesús González, non se pronuncie sobre unha ameaza sobre o principal sector gandeiro da nosa terra“.