A normativa estatal sobre producións alimentarias deixa nunha situación de “alegalidade” ás pequenas producións alimentarias artesanais en Galicia. En concreto, as condicións hixiénico sanitarias que impón a normativa están deseñadas para as grandes empresas e coloca nun atranco ás máis pequenas, segundo denuncian dende o sector.
Para facerlle fronte, o Sindicato Labrego Galego convocou unha xuntanza á que acudiron dende diferentes partes do territorio, conformando o proxecto europeo BOND. Juan Clemente, da Coordinadora Campesina del País Valenciano, acudiu a un obradoiro deste proxecto. “É necesario mellorar o funcionamento e conexións entre organizacións e redes no ámbito agrario”, explica Clemente. Neste obradoiro tamén participou a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba. Ela explica que existe unha inquietude entre os traballadores de pequenas e medianas producións debido á normativa estatal. Ademais, Vilalba tamén pon o foco na xuventude: “As persoas novas vanse do rural por non ter ingresos dignos”.