“Teñen que recompensarse con descanso os excesos de xornada que, por causas de forza maior, lles fosen atribuídos, para así preservar a prolongación da súa vida laboral, dado o desgaste físico e psíquico que supón dita actividade e para reducir o risco de poder ter accidente ou enfermidade laboral”. A sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo expresa con estas palabras a estimación íntegra da demanda presentada pola Central Unitaria das Traballadoras xunto coa Confederación Intersindical Galega (CIG) en contra do Concello de Vigo. O fallo, feito público o 1 de outubro, está sendo estudado polos servizos xurídicos do Concello para interpoñer un recurso. O alcalde Abel Caballero sostivo ante a prensa que esta análise da sentenza non se trata dunha “decisión política senón xurídica”, unhas palabras que pouco gustaron ás traballadoras e traballadores do servizo de bombeiros.
Nunha publicación, emitida este xoves, a sección sindical de bombeiros da CUT pregúntanse “como foi que aquí a asesoría xurídica do Concello non estudou o alcance do decreto e a súa posíble vulneración de dereitos fundamentais” e colocan como máximo responsable desta situación ao alcalde, “Abel Caballero é o responsable directo desta explotación, el é quen toma as decisións (todas) neste goberno de palmeiros”.
A xuíza anula o decreto do Concello
Con esta sentenza, a xuíza tumba o decreto do Concello que, para manter o mínimo de efectivos esixido, obrigaba aos bombeiros da cidade a facer horas extra alterando o seu dereito ao descanso. A xuíza entende que o Concello incumpría coa normativa sobre os tempos de traballo, as horas extraordinarias, a prevención de riscos laborais ou mesmo o dereito á conciliación. Tamén sinala que a orde foi importa unilateralmente e o elevado perigo que supuña para a vida dos traballadores.
Os bombeiros de Vigo, coas siglas da CIG e da CUT, levan máis de dous meses en folga indefinida en defensa das súas condicións laborais e a esixencia do aumento do número de efectivos.