
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, informou este venres en rolda de prensa dos tempos medios nas listas de agarda que, segundo os seus números, baten récords históricos. Por exemplo, Fernández-Campa sinalou que o tempo medio de espera cirúrxica no SERGAS foi de 54,5 días, “a cifra máis baixa de toda a serie histórica en Galicia”. O tempo medio de espera para as probas diagnósticas sitúanse nos 65,5 días, que rebaixa en máis de 4 as cifras do ano pasado. O SERGAS sostén que Galicia se mantén entre os mellores indicadores do Sistema Nacional de Saúde, segundo as cifras que outorgou a entidade pública.
Estes datos baten de fronte coas denuncias de colectivos profesionais e de pacientes. Nos últimos días, a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS denuncia o continuo colapso nos servizos de urxencias do Hospital. No mesmo día de onte, 16 de xaneiro, había 17 pacientes clasificados como graves agardaban a ser atendidos en padiolas e cadeiras de rodas nos corredores de acceso e adxacentes. A esa hora 37 pacientes estaban pendentes de ingreso ocupando as zonas de traballo. “Segue admitíndose como normal que un paciente clasificado pola triaxe como urxencia grave comece o acceso ao servizo colocado no corredor, obrigándolle a agardar en condicións vulnerables durante horas”, denuncian dende o colectivo. Sen facer autocrítica en ningún momento, o xerente do SERGAS vincula os colapsos ao tratarse tempada de gripe.