O sector da sanidade pública volve ás rúas contra contra a “corrupción sanitaria do PP”

O voceiro de SOS Sanidade Pública de Compostela fai un chamamento a mobilizarse en defensa da sanidade pública

A Plataforma SOS Sanidade Pública denuncia a estratexia global para desmantelar e privatizar a sanidade pública de Núñez Feijóo e o seu goberno.

Desde a entidade denuncian que é unha estratexia que pasa por poñer a sanidade pública galega en mans de empresas privadas multinacionais e para a que a consellaría de Sanidade pretende agora cambiar o modelo de concertación ampliando e consolidando a concertación de servizos asistenciais por un período de catro anos con empresas multinacionais que están desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario.

Contra a “corrupción sanitaria”

Por iso, desde a plataforma chaman a mobilizarse hoxe mesmo, día 13 de xuño, ás 20:00 horas, baixo o lema “Acabemos coa corrupción sanitaria do PP” en:

  • A Mariña: diante do Hospital da Costa
  • A Coruña: no Obelisco
  • Santiago: Praza do Toural
  • Barbanza: Praza do concello de Ribeira
  • Pontevedra: na Peregrina
  • Vigo: Fronte o Marco (Rúa Príncipe)

“Queren favorecer a multinacionais e persoas afíns”

Toda unha serie de cuestións que supoñen para SOS Sanidade Pública “unha penetración do sistema privado impresionante” que vén agravarse coas últimas medidas postas en marcha: a Reforma da Lei Galega de Saúde, que consolida un modelo que ningunea a Primaria, suprime áreas sanitarias e centraliza a planificación e xestión nos hospitais de referencia e o acordo marco polo que se reforzan os concertos sanitarios coa sanidade privada.

Privatización

A este respecto desde a Plataforma lembran que até o de agora o papel dos centros privados tiña un carácter complementario e subsidiario e que con eles se concertaban patoloxías menores como cataratas ou varices co obxectivo de alixeirar as listas de espera.

Porén, denuncian que co novo modelo pásase a concertar con empresas privadas, por un período de catro anos actividades de consulta, cirurxía, probas diagnósticas e terapéuticas  e mesmo hemodiálise. Un transvase de actividade asistencia que ascende, no caso da Coruña, a un total de 97,5 millóns de euros co agravante de que o persoal facultativo público dberá ir a estes centros privados.

Tema: O desmantelamento da sanidade

- Publicidade -