Home Programas Área Compostela O Refuxio de Bando, sobre o abandono animal: “Falta moita responsabilidade por parte da xente”

O Refuxio de Bando, sobre o abandono animal: “Falta moita responsabilidade por parte da xente”

0
O Refuxio de Bando, sobre o abandono animal: “Falta moita responsabilidade por parte da xente”

A asociación animalista Libera cifra en 19.000 os animais abandonados en Galicia durante o ano 2017. O país conta cunha das taxas máis altas de abandono e, de feito, estímase que as consecuencias do mesmo custan máis de tres millóns de euros ao ano á Administración. No Refuxio de Bando, en Santiago de Compostela, constátase esta tendencia.

Conversamos coa directora deste centro —que presta o servizo a Compostela, Vedra e Teo—, Olalla García, quen asegura recibir animais “practicamente a diario”. As cifras medran de xeito exponencial no verán: “Vémonos saturados, sobre todo con camadas de gatiños”, explica, apuntando como culpábel á “xente irresponsábel que ten ás gatas sen castrar e logo se desentende”.

 Precísanse adopcións de gatos

García cre que aínda queda moito traballo por facer en materia de concienciación cidadá: “Falta moita responsabilidade por parte da xente”, afirma. Dende o centro lamentan que moitas donas e donos de animais non os esterilizan nin lles colocan os chips de identificación, “que son cousas obrigatorias”. A día de hoxe, en Bando non hai sitio para máis gatos e gatas, polo que o refuxio fai un chamado á súa adopción. Tamén á dos cans, que poden pasar nestas instalacións “dende semanas até anos”, dependendo da sorte que corra cada un deles.