O voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Santiago, Paco Reyes, presentou en rolda de prensa as alegacións do seu grupo ao borrador dos orzamentos presentado polo Goberno local. Reyes asegurou que son propostas concretas e realizables. Na Área do social o edil salientou temas como a eliminación da lista de espera no programa de axuda no fogar e desenvolver centros de día nalgúns dos centros socioculturais.
O eido social, a promoción económica, o rural e o medio ambiente centran as alegacións socialistas
En canto á promoción económica e emprego, Paco Reyes mencionou o Plan de Emprego e os obradoiros de emprego. En relación ao rural, o voceiro socialista lembrou a súa proposta do impacto nas arcas municipais da revisión do Catastro e en relación ao medio ambiente Reyes quere coñecer se a Senda Verde está integrada dentro dunha partida.
Por último o voceiro socialista referiuse a iniciativas vencelladas directamente coa Universidade de Santiago como é a reurbanización do Campus Sur.