A poboación compostelá é unha das máis envellecidas de Galicia. Segundo os informes publicados polo Instituto Galego de Estatística, existen no concello arredor de 8000 vivendas habitadas unicamente por persoas maiores de 65 anos, das cales máis da metade son unipersoais. O PSdeG alerta que isto supón un problema “moi serio” que precisa unha solución dende a Xunta.
Leiceaga acusou ao presidente da Xunta de aplicar un “imposto non declarado cos maiores”
A lista de agarda para as residencias xeriátricas da contorna é de 1.500 persoas actualmente, unha cifra “lamentable” para os socialistas. O voceiro da formación no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, esixe ao Goberno de Núñez Feijóo que incremente o número de prazas para as residencias públicas, xa que, do contrario, estaríase producindo unha “desviación obrigada” cara á concertada e a pública.
Os e as socialistas reclaman unha atención específica a este importante sector da poboación
Asemade, o PSdeG lembra que a Xunta prometera en febreiro de 2017 construír unha nova residencia en Fontiñas mais, polo de agora, Feijóo garda silencio e non compromete ningunha partida a este fin nos orzamentos de 2018.