O PSdeG cre que o PP veta no Parlamento porque “se sinte débil”

O voceiro socialista na cámara, Xaquín Fernández Leiceaga, afirma que actuacións como a da Comisión de Sanidade enténdense polo seu “nerviosismo”

Non é a primeira vez que o partido de Feijóo emprega a súa maioría para dificultar o traballo da oposición. O último caso témolo na comisión de Sanidade. Solicitada por En Marea, PSdeG e BNG aproveitando a posibilidade que teñen por lei de facer unha por lexislatura. Un dos aspectos máis importantes dunha comisión son as persoas que teñen que comparecer e aí está a pedra no camiño que atopou a oposición parlamentar.

- Publicidade -

Dun total de 80 comparecencias o PP só aceptou 20 e deixou fóra algunhas moi significativas como a dun familiar do doente que morreu no PAC da Estrada. Logo deste panorama as tres formacións políticas decidiron abandonar en bloque a comisión.

Xaquín Fernández Leiceaga, voceiro do grupo parlamentar socialista cre que “a presenza de Pedro Sánchez en Madrid descolocou a todo o PP”. Esta é a explicación que lle dá á actitude dos populares que rexeitaron as propostas da oposición.

“En Galicia hai nervios”, indica o voceiro do grupo parlamentar socialista, “o PP nótase máis débil”. Leiceaga explicou a postura da oposición de abandonar a comisión indicando que “logo dos vetos ás comparecencias quedaban as do Sergas, que é como dicir as do propio goberno galego”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego