O Pleno do Parlamento galego aprobou este martes os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2020 cos únicos votos a favor do Partido Popular. A sesión parlamentaria transcorreu con tensión xa que ningunha enmenda presentada pola oposición foi tomada en consideración.

- Publicidade -

Dende o Bloque Nacionalista Galego consideran que “o muro de soberbia” de Alberto Núñez Feijóo impide que acepte ningunha das 386 emendas presentadas polo partido nacionalista. “O PP converteu a tramitación parlamentaria dos orzamentos nunha oportunidade perdida ademais de deixar o retrato dun goberno esgotado, sen visión de futuro, sen iniciativa e sen ilusión”, concluíu Ana Pontón.

O Grupo Común da Esquerda tamén criticou con dureza estes orzamentos da man de José Manuel Lago. O deputado cuestionou a redución no imposto de sucesións que recolle estes orzamentos, e da que presumen no PP: “Para o PP sempre hai marxe para baixar os impostos. Iso si, aos ricos”.

Pola súa parte, a deputada do PSdeG, Matilde Begoña Rodríguez, denunciou que as políticas do goberno de Feijóo teñen como consecuencia a expulsión da xente moza cun futuro que vai a peor. “Galicia necesita un proxecto revitalizador”, esixía a socialista.

Luís Villares sostivo que estes orzamentos “non melloran en nada” durante a tramitación parlamentaria e que asumen unha “visión derrotista” do territorio.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego