O 28 de setembro Endesa anunciaba que ía acelerar o peche da central térmica das Pontes. Segundo a empresa, é a “situación estrutural” a causante dunha “falta de competitividade”. Pola outra banda, máis de seiscentos postos de traballo en risco, unha comarca dependente económicamente da central e unhas administracións que non aportan alternativas á central. Desde o PPdeG e o goberno galego culpan en exclusiva ao goberno de España; os grupos da oposición cren que Feijóo e a Xunta teñen gran parte da responsabilidade.

- Publicidade -

O Grupo Común da Esquerda pediu a comparecencia urxente no Parlamento de Alberto Núñez Feijóo, que foi apoiada polo Grupo Mixto e BNG.

Ana Pontón, voceira do Bloque, criticou que Endesa marche “‘de rositas’ despois de chuchar todo o que puido”, e responsabilizou tanto ao goberno central coma ao goberno da Xunta. Na mesma liña se pronunciou Luca Chao, do Grupo Común da Esquerda, que reparte responsabilidades e lembrou os beneficios de Endesa e a falta de alternativas. Gonzalo Caballero pola súa banda, apelaba á responsabilidade da empresa.

O contexto: unha década na que a metade dos empregos perdidos se perderon no sector industrial con casos coma o de Alcoa, Vulcano ou Ferroatlántica. No horizonte: a ameaza dunha repetición de erros pasados, coma o naval en Ferrolterra, que deixou unha “comarca deprimida”, en verbas de Ana Pontón.

Pedro Puy volveu defender a xestión do goberno galego recordando que o Ministerio de Transición Enerxética non respostou nunca ás súas peticións e propostas. Non comparte a decisión da empresa porque supón unha perda de emprego e gabouse de que Galicia sexa a segunda comunidade que, en porcentaxe, máis enerxía renovable produce.

O luns 1 de outubro, ao redor case un milleiro de camións e automóbiles desprazaranse á Coruña en sinal de protesta e prevén unha folga para o día 16.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego