O PPdeG vén de facer público o seu propio manifesto con motivo do 17 de maio. Nel gábanse de ser “partido que representa á maioría dos galegos” e aseguran ter “ ideoloxía impregnada de galeguismo integrador”.
No texto lembran á autora homenaxeada este ano, María Victoria Moreno, como “Un exemplo de muller comprometida e sensible cunha cultura dun pobo que co seu exemplo reforza a idea de fortaleza, prosperidade e ventura”.
A situación actual do galego
“En Galicia, cada vez máis xente coñece e domina o galego”, asegura o manifesto do PPdeG que afirma, tamén, que “o noso idioma ten hoxe unha posición vantaxosa en comparación con outras linguas de España e unha posición forte na propia Galicia. E o seu nivel de coñecemento é o máis alto da historia”.
Para os populares depende da sociedade que “o futuro do noso idioma pasa pola mocidade de hoxe, temos que lograr que cada vez máis mozos e mozas o falen”.
Debate partidista
Neste manifesto o PPdeG criticou o que define como “debate partidista” que só serve para “confrontar e dividir”. No texto os populares aseguran que “o noso idioma non coñece de ideoloxías, si de liberdade”.
Remata o documento co chamamento “a facer que o galego sexa a lingua de todos” xa que aseguran “estariámoslle facendo un fraco favor á súa difusión se a incluíramos continuamente como arma arreboladiza”.