O curso de verán da USC Galego, porta aberta para o mundo sacou onte a debate a coñecida como Lei Paz-Andrade, un texto aprobado por unanimidade no Parlamento galego no ano 2014 e cuxo obxectivo é estreitar os vencellos entre as linguas galega e portuguesa.
As entidades reintegracionistas denuncian o “nulo desenvolvemento” desta lei
Na primeira palestra destas xornadas da Facultade de Filoloxía, o moderador da mesma, Ângelo Cristóvão —vicepresidente da Academia Galega da Língua Portuguesa—, lembrou que a propia AGLP remitiu a comezos de xuño unha carta aberta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, denunciando o “nulo desenvolvemento xurídico” desta lei dende a súa aprobación no ano 2014. Cómpre salientar que este proxecto foi froito dunha ILP que recadou arredor de 17.000 sinaturas.
Pola súa banda, a deputada popular María Antón, presente nese primeiro debate do devandito curso de verán, negou tal acusación, argumentando que o Goberno galego está a impulsar a lingua portuguesa a través dun “ambicioso plan con medidas concretas“. Antón considera que se está a cumprir o obxectivo da lei, que é a aprendizaxe do portugués, xa que, nos últimos anos, “o alumnado que estuda a lingua pasou de 800 a 3000 persoas”.
Insuficiencia das medidas adoptadas pola Xunta e deceleración na implantanción do portugués no ensino do país
O conxunto do sector cultural galego, así como os grupos da oposición no Parlamento Galego, coinciden en sinalar a ausencia de planificación na aplicación da lei e denuncian o incumprimento sistemático do artigo 5 da mesma, que obriga á Xunta a presentar un informe anual coas accións desenvolvidas no marco da mesma e as previsións para o seguinte ano. Ademais, comparan a situación da lingua no noso país fronte a casos como Estremadura, que conta cunha extensa rede de centros e milleiros de alumnos que apostan por aprendela.