O PP galego, agradecido con Rajoy: “Foi un Presidente digno ata o final”

BNG, PSdeG e En Marea coidan que o Goberno do PSOE supoña unha "alternativa" ao "esquecemento" que padecía Galiza, namentres o PPdeG lamenta o "desprazamento" de Rajoy do poder

Avecíñanse xornadas de cambio no Estado español. A chegada á Moncloa de Pedro Sánchez abre un panorama de incertezas sobre cales serán as liñas de actuación desta nova executiva, e a vista vírase tamén de cara a Galiza.

Dende o PPdeG agradecen a Mariano Rajoy, presidente saínte, o seu “compromiso” e “dignidade”. Asemade, o voceiro da formación no Parlamento galego, asegura que o antigo líder do Goberno estatal, logo de ser “desprazado” do poder pola moción de censura, seguirá a traballar “encabezando a oposición” dun xeito “responsábel”.

“Galiza debe ter voz propia e non ficar fóra do debate do autogoberno”

Por unha banda, o BNG confía en que esta nova etapa axude a pór fin ao “trato discriminatorio” que viña padecendo o país con medidas como a prórroga de ENCE até o 2073, a suba das peaxes ou o veto á transferencia da AP-9.

Villares pide a Feijóo que “aclare” se “dará o salto” a Madrid

Na mesma liña, aínda que cunha maior esperanza, atópase o PSdeG-PSOE. O seu voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegura que seguirá a defender os asuntos “prioritarios” para o desenvolvemento de Galiza malia o troco de “cor política” na Moncloa. Así e todo, a maior preocupación de En Marea é que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aclare “cando antes” se pensa dar o “salto” a Madrid para liderar o PP a nivel estatal.

Sexa como for, as incógnitas manteranse durante estos primeiros meses de Goberno do PSOE e o novo dirixente da executiva central, Pedro Sánchez, deberá ofrecer solucións a cada unha delas.