Home Programas Área Compostela O Pleno debaterá a vindeira semana a remunicipalización da ORA

O Pleno debaterá a vindeira semana a remunicipalización da ORA

0
O Pleno debaterá a vindeira semana a remunicipalización da ORA

O mes de marzo será clave para a cidade de Santiago de Compostela. A vindeira semana, a corporación municipal debaterá no Pleno dúas propostas que copan a axenda mediática da localidade dende hai varios meses. O primeiro será o máis controvertido: a aprobación, se procede, do convenio da EDAR do Souto. O alcalde, Martiño Noriega, non está disposto a asinalo nas condicións actuais, polo que delega no Pleno antes de tomar unha decisión.

Sorprendeume moito a oposición das forzas de esquerda ao proxecto de remunicipalización

O outro asunto que se tratará será o plan de remunicipalización do servizo da ORA e o guindastre, un proxecto que precisa a aprobación de PSdeG-PSOE e BNG, que vén de presentar unha campaña a prol da supresión da ORA. Noriega lamenta a “falta de apoio” a esta proposta dende os partidos de esquerda do Concello.

Outros asuntos

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de reforma do parque infantil da praza da Constitución, para o que se destinará unha partida de 350.000 euros. O obxectivo desta actuación, unha vella demanda da cidadanía, é xerar “novos espazos que melloren a convivencia” neste punto da cidade. As obras comezarán antes do verán e terán un prazo de execución de catro meses.

O Goberno local aprobou tamén a incorporación no plan de financiamento EDUSI, dependente do Ministerio de Facenda, dun proxecto de fomento de mercados laborais inclusivos que incrementen a actividade económica de Compostela. Esta proposta ten un orzamento previsto de 465.000 euros, dos cales, se Facenda o permite, preto de 370.000 serían subvencionados polos fondos FEDER.