O cadro de persoal do aeroporto Rosalía de Castro de Compostela manifestarase o xoves 16 de maio para esixir o mantemento da cantina. Se quedan sen este servizo, deberían pagar os mesmos prezos que as persoas usuarias, coa consecuente perda de poder adquisitivo. “Nós non estamos de paso, senón que traballamos alí”, sinalan. A marcha partirá ás 11:30 da rotonda do aeroporto e finalizará na terminal compostelá cun pícnic simbólico para denunciar a situación.
Os representantes sindicais explicaron que a cantina, licitada á marxe do resto da restauración aeroportuaria, “non é rendible para ninguén” polo que temen que quede sen licitar. A representación sindical denuncia, ademais, a negativa do director do aeroporto, Ricardo Navarro, a manter unha xuntanza. Ante a negativa deste responsable de AENA, pediuse unha xuntanza co director dos aeroportos do grupo 2 —no que se encadra o Rosalía de Castro—, Julián Cámara, quen remitiu unha carta declinando a xuntanza e “facendo preocupantes consideracións sobre o futuro da cantina”.