Traballadoras e traballadores de SEAGA continúan en folga indefinida dende o pasado 16 de setembro en demanda de igualdade de oportunidades no acceso ao Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza.
Hoxe manifestáronse por Compostela para reclamar que se introduzan de inmediato os cambios necesarios no decreto de contratación da Xunta e poder puntuar por todo o tempo traballado en SEAGA realizando servizos de extinción.
Absoluta incertidume
Josefat Puente, Presidente Comité Empresa de Seaga, define para Nós Televisión a situación de incertidume que viven traballadoras e traballadores coa única seguridade de que “en 15 días quedamos na rúa”.
A última xuntanza con Función Pública tivo lugar o pasado 18 de setembro e daquela saíu o compromiso de convocar a mesa xeral de negociación para abordar coas organizacións sindicais a modificación do decreto de contratación. A CIG esixiu acurtar os prazos e por este motivo manteñen a folga indefinida.