Traballadoras e traballadores de Correos de toda Galicia concentráronse hoxe en Compostela convocados polas centrais sindicais UGT, CCOO, CSIF e Sindicato Libre. Esixen do goberno español medidas que garanticen a viabilidade da entidade, un plan estratéxico e un convenio que recolla melloras no emprego, salarios e dereitos laborais.
O responsable de CCOO en Correos de galicia explica a Nós Televisión que “levan moitos anos con estas reivindicacións”. Unha das máis importantes a nivel galego é “que se financie o servizo universal posto que aquí a empresa é deficitaria, sobre todo no rural”.
Rural baixo mínimos
O servizo de Correos no rural galego non traballa en boas condicións. María Isabel Pensado é unha carteira que traballa en Vilamarín, Ourense. Participou na concentración diante da sede compostelá de Correos e explica a Nós Televisión que a situación no rural é moi diferente ao das cidades no reparto diario. “Temos zonas moi grandes que cubrir porque non se están substituíndo os traballadores que se xubilan e o resto temos que facernos cargo”.
Outro dos problemas cos que se atopan as carteiras e carteiros no rural é o aumento do prezo dos carburantes posto que cobran unha tarifa fixa que non muda coas subidas que están a ter.
Os paron parciais continuarán ata o 30 de novembro e os sindicatos non descartan ir máis alá se o goberno español non responde ás súas reclamacións.