Home Programas Espazo Aberto O persoal de Alcoa pídelle á Xunta “máis contundencia”

O persoal de Alcoa pídelle á Xunta “máis contundencia”

0
O persoal de Alcoa pídelle á Xunta “máis contundencia”

A situación da factoría de Alcoa na Coruña monopolizou o Pleno do Parlamento de Galicia. En presenza dunha representación de traballadores e traballadoras da multinacional na Coruña no hemisciclo compareceu hoxe o conselleiro de Economía, Francisco Conde, para dar conta das xestións da Xunta. No seu discurso acusou ao Goberno Central de falta de iniciativa neste tema e a oposición recriminoulle o seu cambio de postura. Este intenso debate foi seguido con interese polos propios traballadores de Alcoa.

No debate o portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, pediu “unidade” ao Conselleiro e advertiulle ao goberno galego dos riscos de “romper a unidade” na defensa da planta galega, e de “converter isto nunha loita partidaria e de vantaxe política a costa das familias e do sector industrial e siderometalúrxico”.

Por parte de En Marea o seu voceiro instou á Xunta a cumprir co acordo parlamentario acadado e defender os postos de traballo de Alcoa na Coruña coa retirada inmediata e incondicional do ERE de extinción. “Estamos nun escenario no que non se pode falar de dar máis cartos sen condicións ás empresas electrointensivas como Alcoa” defendeu.

Desde o BNG, a portavoz nacional, Ana Pontón, afirmou que o Bloque “nin se rende, nin tira a toalla, nin acepta o marco da multinacional Alcoa” e esixiu ao Goberno da Xunta que articule unha posición de país para defender diante do Executivo central a través dunha mesa de negociación galega.

Declaración institucional do Parlamento

Con anterioridade o Presidente do Parlamento lera unha declaración institucional na que se reafirmaba “o compromiso co mantemento da actividade e o emprego en Alcoa, así como trasladarlle o seu apoio aos traballadores e ás traballadoras da planta da Coruña”.

Representación sindical

Unidade

Tamén sinalaba o compromiso pola “unidade de acción” para “instar a compañía Alcoa a retirar o expediente de extinción de emprego que pesa sobre todos os traballadores e as traballadoras, e abrir unha mesa de negociación con todas as partes implicadas para atopar unha solución urxente que garanta o mantenemento da actividade empresarial e o emprego; e a achegar seguridade e permitir ao conxunto das empresas electrointensivas competiren en igualdade de condicións co resto de factorías a nivel internacional”.

A declaración remataba reafirmando o compromiso para “facer unha fronte común para seguir defendendo os dereitos dos traballadores e das traballadoras de Alcoa e o futuro desta industria en Galicia”.