Home Programas Área Compostela O peche no IES de Brión cumpre unha semana

O peche no IES de Brión cumpre unha semana

0
O peche no IES de Brión cumpre unha semana

Este xoves fai unha semana do inicio das mobilizacións no IES de Brión, para solicitar que, igual que aumentou o número de matrículas, se incremente tamén neste curso a cifra de docentes.

O apoio da comunidade educativa a esta petición, destacan desde a ANPA, foi en aumento como amosan os datos de asistencia ó centro: se no día das presentacións acudían 26 alumnas e alumnos, o martes eran xa so 14 e o mércores únicamente 4 estudantes, dun total de 383.

As nais e pais do centro insisten en desbotar os informes da Inspección educativa sobre as necesidades do Instituto e indican que estes “non responde á realidade” educativa do centro e así llo trasladaron este mércores ó seu inmediato superior.

Pendentes nun novo encontro coas autoridades, dende a ANPA manteñen o chamamento a que as aulas continúen baleiras o que sexa preciso para conseguir que o Instituto poida prestar, cando menos unha atención educativa equiparable á do curso pasado.

Sen resposta da Xunta

De se facer efectivos os plans da Inspección de non incrementar o número de docentes malia o aumento de matrículas, perderase atención a diversidade (o grupo de reforzo en 3º da ESO, PMAR), o alumnado de 4º (61 estudantes) estará concentrado en aulas masificadas e o centro terá que renunciar a optativas moi demandadas no Bacharelato e que supuxeron recoñecemento para o IES dentro e fóra de Galicia.

Acción de protesta

A ANPA, indican finalmente, que agardan que esta semana de mobilizacións se entenda como una mostra clara da preocupación da comunidade educativa de Brión única e exclusivamente pola calidade do ensino. “Por iso o calendario da protesta non ten marcado o final porque para nós este obxectivo non ten data de peche” resaltaron no comunicado difundido no serán deste mércores.