O patrimonio natural de Santiago será o protagonista da nova edición de Compostela ilustrada

As inscricións rematáronse en abril e este ano participarán debuxantes como Javier Mariscal, Ana Luisa Frazao, Juan Linares, Carlos Silvar ou Joaquín González Dorao

Compostela Ilustrada, o Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe, é un evento totalmente consolidado. A terceira edición presentouse hoxe no Pazo de Raxoi e nela particiapron as institucións colaboradoras, representadas polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a Vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, xunto á organización composta polo debuxante Miguelanxo Prado e a coordinadora das Xornadas de Ilustración, Gemma Sesar.

- Publicidade -

O éxito desta convocatoria mediuno Miguelanxo Prado ao informar de que a subscrición aos obradoiros remataron hai meses, algo que pon en valor actividades deste tipo moi lonxe doutras que procuran, segundo afirmou, o “mercadeo”. E para esta edición que mellor que mudar o protagonismo cara o noso patrimonio natural: neste caso o entorno dos parques da cidade.

Este ano participarán 15 ilustradores e ilustradoras de renome internacional como Javier Mariscal, Ana Luisa Frazao, Juan Linares, Carlos Silvar ou Joaquín González Dorao. Están previstas tamén dúas exposicións: a mostra “Unha ollada natural”, do ferrolán Carlos Silvar, na Galería Sargadelos, e “O Camiño de Santiago debuxado”, de Joaquín González Dorao, no Museo das Peregrinacións.

Eses días haberá oportunidade de coñecer a obra recente de tres autores que presentarán os seus traballos. Javier Mariscal presentará a súa obra “Los Garriris” na Libraría Couceiro, Ana Luisa Frazao e Nanda Cabaleiro estarán na Libraría Lila de Lilith para falar do seu libro “O camiño urbano” e Miguelanxo Prado o libro “Valdeorras” no espazo enocultural Vide Vide.

Outra das actividades deste ano será as xornadas de Ilustración Urbana, que se desenvolverán nos días 9 e 10 de novembro e que serán moderadas polo propio Miguelanxo Prado. O evento rematará o domingo 11 na Alameda cun gran encontro de ilustradores e ilustradoras na Alameda compostelá.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego