Home Programas Espazo Aberto O Parlamento galego pediralle ao Congreso que abarate os produtos relacionados coa menstruación

O Parlamento galego pediralle ao Congreso que abarate os produtos relacionados coa menstruación

0
O Parlamento galego pediralle ao Congreso que abarate os produtos relacionados coa menstruación

Todos os grupos con presenza na Cámara galega apoiaron unha proposición de lei presentada por En Marea que pide a modificación da normativa do Imposto do Valor Engadido (IVE) para que se aplique o tipo hiperreducido aos produtos relacionados coa menstruación como as compresas ou os tampóns. Agora, será remitida ao Congreso dos Deputados, que deberá posicionarse con respecto a reclamación do Parlamento galego.

“Partimos desa desigualdade polo feito de sermos mulleres”

A proposta está enmarcada na defensa da igualdade, dado que as mulleres, polo feito de selo, utilizan determinados produtos de hixiene que constitúen un importante desembolso económico. A deputada de En Marea encargada de defender a proposta, Paula Verao, afirmou que se trata dunha medida de xustiza social: “Partimos desa desigualdade polo feito de sermos mulleres, polo que é xusto os produtos de hixiene feminina sexan gravados co tipo súper-reducido do 4%, fronte ao reducido do 10% actual”.

“Os produtos relacionados coa menstruación, usámolos as mulleres uns 35-40 anos de media. Ditos produtos poden chegar a ter uns custes moi elevados ao mes. Só falando dos usados para a menstruación, poden supor 20 euros mensuais, o que para mozas sen emprego ou persoas en risco de exclusión social é un custe moi elevado” continuou Paula.

O que propón En Marea é modificar a lei, elevar ao Congreso unha proposta de modificación da Lei 37/1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, para blindar esta medida como estrutural e perdurable no tempo.

Alternativas ecolóxicas

Paula Verao tamén mencionou a necesidade de avanzar no abaratamento e posta en coñecemento das alternativas ecolóxicas a estes produtos, gravando estes produtos co tipo súper-reducido, para avanzar na loita contra os residuos e na sustentabilidade ambiental: “incluímos, pois, non só as compresas, tampóns e salvaslips, contemplados ata o de agora co IVE reducido, senón tamén novos produtos reutilizables, copas menstruais e, tamén, os xeles de uso íntimo”.