
O PSdeG-PSOE presentou no Pleno desta semana unha moción para frear o “acoso fiscal” que está a exercer o Estado sobre as e os emigrantes retornados a través do cobro do IRPF. Asemade, esta proposta, que foi aprobada pola maioría da Cámara, insta tamén á Xunta a prestar “atención integral” ás galegas e galegos que, unha vez regresaron de Venezuela, non están a percibir as súas pensións. Así e todo, o deputado Juan Díaz Villoslada criticou ante a bancada do PP que as emendas que teñen anunciado aos seus propios orzamentos sexan “por revancha contra o PNV” tralo seu apoio á moción de censura.
Proposición non de Lei
Por outra banda, a bancada socialista levou ao Hemiciclo unha proposición non de Lei para reivindicar a “blindaxe” das axudas ás persoas desempregadas sen prestacións. A deputada Noela Blanco advertiu que o último “gran golpe” de Rajoy foi “castigar” a este colectivo.
Este argumento débese a que as subvencións destinadas a este fin foron unificadas na nova Renda Complementaria de Desemprego —REDE—. En consecuencia, segundo apuntan os sindicatos, o período de tempo que se poderá percibir esta prestación será “inferior” ao que existe na actualidade.