Entre o 3 e o 7 de setembro, a Facultade de Psicoloxía da USC será o escenario do curso de verán Ocio inclusivo como ferramenta para a intervención educativa. Esta é unha formación teórico-práctica que ten por obxectivo “facer conciencia da importancia de incluír nas actividades de ocio ás persoas con diversidade funcional”, en palabras da secretaria do devandito curso, Lorena Francisco Lens.
O curso desenvolverase do 3 ao 7 de setembro na Facultade de Psicoloxía
A dinámica consistirá no desenvolvemento de actividades de sensibilización vencelladas á adaptación de diferentes deportes e exercicios de ocio: “Queremos que [as e os alumnos] se poñan na pel das persoas con diversidade funcional”, expón Francisco Lens.
Inscrición
Este curso correrá a conta de tres docentes da Universidade, dirixidos por Arturo Xosé Pereira Rozas, e terá unha duración total de 25 horas —cinco por día—. O custo é de 70 euros para estudantes e de 120 para o público en xeral. Así e todo, poderase realizar a inscrición até o vindeiro 24 de agosto.