“Ao goberno municipal da Coruña espéralle un inferno” dicía o Presidente provincial do PP coruñés en febreiro de 2018 nunha entrevista na Radio Galega. Algo terá que ver agora esa estratexia co significativo incremento da tensión política na cidade herculina que se vive durante as últimas semanas.
Especialmente significativo foi o que sucedeu onte no Pleno Ordinario no Pazo de María Pita. A chamada “revolución das flores”, xurdida trala “retirada por erro” da alfombra floral do Rosario, irrumpíu no Pleno. Pero, desta volta, nada de amor ao achegado nin nada que teña que ver coas bases do cristianismo. Directamente, unha fervorosa da Virxe, a berros, lanzou flores “para a tumba do alcalde”. As Cruzadas do Século XXI xa están aquí.
Unha imaxe insólita. Choveron flores en María Pita. As mesmas que as e os edís do PP colocaron diante dos seus respectivos escanos. Durante varios minutos, o propio alcalde quixo manter un diálogo con parte do público presente. Un diálogo imposible con quen, durante bastantes minutos, lanzasen berros de “mentiroso”, “cobarde” ao propio Xulio Ferreiro.
O motivo da crispación
“Reitero as miñas desculpas polo acontecido coa alfombra floral, de corazón. E insisto tamén en que non existiu intencionalidade” dicía minutos antes o alcalde da Coruña ao tempo que se coñecía que a asociación encargada da ofrenda floral solicitara previamente a recollida das caixas e restos das flores o que puido motivar o erro por parte da empresa municipal de limpeza.
Reaccións
Unha “irresponsable estratexia de crispación” segundo censurou a propia Marea Atlántica. Pola súa banda, a voceira do BNG en María Pita falou denunciou que se trata dunha “animalada inxustificada” e“asqueroso e fascista” dicía a concelleira socialista Yoya Neira nas súas redes sociais tras comprobar o clima de tensión no pleno.