A polémica está servida. As declaracións gravadas por Nós Televisión trala inauguración do Congreso de Áridos en Compostela no día de onte provocaron unha reacción inmediata do movemento ecoloxista galego. As “explicacións” realizadas por un dos voceiros da Asociación Galega de Áridos teñen hoxe resposta da man de X, integrande da Plataforma contra a Mina de Touro.
As constantes desfeitas ambientais que están sementando por Galicia, as ameazas de novas explotacións mineiras ou a irresponsabilidade empresarial e política centraron boa parte das reaccións que se puideron ler ao longo desta mañá nas principais redes sociais.
Que lles importa pagar unha miseria de multa cando xeran inxentes beneficios?
En todo caso, que a Asociación Galega de Áridos apele á “dura lexislación” á que están sometidos sentou especialmente mal na mañá de hoxe dentro do movemento en defensa da terra. “Claro que hai lexislación” afirman malia que, resaltan, o problema radica no deficiente cumprimento da mesma. Desde a Plataforma contra a Mina de Touro denuncian que nas explotacións canteiras galegas incumpren sistematicamente a lexislación xa que a este tipo de empresas “saélles máis barato” pagar as respectivas multas que “facer as cousas ben” e contan cunha Administración pública que adoita “mirar para outro lado”
Un lavado de cara
O Catálogo das Paisaxes de Galicia afirma que existen unhas 66 explotacións mineiras, canteiras e localizacións de extracción de áridos ou terra no noso País e o sector, tal e como denuncia o movemento ecoloxista galego, pretende agora facer un auténtico “lavado de cara” tralas numerosas denuncias que vén recibindo duranteo os últimos anos.
As mineira, na procura de saír na foto con altos cargos da Xunta, Deputación, Concello de Santiago, Ministerio de Transición Ecolóxica, comezou onte o V Congreso de Áridos. Algo que, para o colectivo ecoloxista contraMINAcción supón unha intentona por presentar unha “imaxe irreal dun sector plagado de desastres ambientais e irresponsabilidade cómplice por parte das administracións”. Desde o colectivo falan dun “lavado de cara” sen precedentes, dentro do sector en Galicia.