Na véspera da noite de San Xoán, o “lume sagrado” do Pico Sacro chegará a Compostela para acender as cacharelas. Trátase dunha ancestral cerimonia orixinaria da cultura celta, que se mesturará na capital do país coas tradicións vencelladas ao culto xacobeo. Unha comitiva composta por preto dun cento de persoas achegará o lume á cidade ás 22.00 horas do venres 22.
Con todo, a primeira parte deste acto, a Cerimonia do Lume Sagrado, celebrarase o domingo 17 no cumio do Pico Sacro de Boqueixón. A través deste rito, obtense o lume a través de medios naturais, o que, para o pobo celta, significaba o “triunfo” da luz fronte á escuridade; o ben fronte ao mal.
O percorrido do día 22 rematará arredor das 22.30h na praza de Mazarelos, o escenario central da noite de San Xoán compostelá. Alí realizarase a Ofrenda do Lume Sagrado, que será custodiado até o día seguinte e permitirá á cidadanía acender as súas cacharelas directamente desta labarada.