Segue a mobilización pola devolución das comisións de Abanca, con case 60.000 sinaturas e novos grupos nas redes sociais para axudar ás persoas afectadas. Explican que o primeiro paso é cubrir unha folla de reclamación e levala por duplicado á sucursal.
Alegarase que se modificaron as condicións unilateralmente sen consentimento propio. En moitos casos, con isto está sendo suficiente para conseguir a devolución. Se non devolven nin dan resposta, é posible reclamar ante o Banco de España.
Non só a cidadanía está a protestar. Varios concellos e partidos aprobaron pedirlle a Abanca que retire as comisións. Tamén o Instituto Galego do Consumo solicitou ao Banco de España unha avaliación das comisións impostas.