O Grupo Común da Esquerda denuncia as continuas vulneracións á folga por parte da dirección da CRTVG. En concreto, esta semana deuse a coñecer a sentenza do Tribunal Supremo do pasado 13 de xaneiro que confirma a emitida polo TSXG, condenando a CRTVG a unha indemnización de 15.625,50 euros por vulnerar o dereito á folga o pasado 8 de marzo.
O Supremo confirma que a substitución da presentadora do Galicia Noticias, que se adheriu á convocatoria de folga da CUT, polo editor do programa, tivo o obxectivo de neutralizar o efecto propio do exercicio do dereito fundamental á folga, como é a paralización da actividade. “A substitución irregular dunha das presentadoras é, unha vez máis, unha vulneración dos dereitos fundamentais dos traballadores“, denunciou Xan Xove. “Situámonos ao carón das traballadoras, esixindo toda a responsabilidade ao Goberno de Núñez Feijóo por manter na CRTVG unha dirección que non está respectando os dereitos do persoal”.
O deputado do Grupo Común da Esquerda xa presentara unha iniciativa na Comisión de Control da CRTVG en relación á folga do 19 de decembro de 2018, pola que hai uns meses a dirección da canle pública xa fora tamén condenada ao ter aplicado servizos mínimos abusivos. “A dirección da CRTVG non podía ter asinado servizos mínimos de forma unilateral, como fixo”, explicou.