“O Govern non pode estar supeditado ao Constitucional e a Moncloa para lograr a república”

Conversamos con Mireia Boya, exdeputada da CUP, acerca do futuro de Catalunya

Catalunya podería experimentar unha importante mudanza esta mesma semana. Logo das constantes presións do Tribunal Constitucional e o Goberno central, finalmente o president da Generalitat, Quim Torra, accedeu a nomear a catro consellers non “vetados”, polo que se podería suprimir a aplicación do artigo 155 este xoves. Conversamos coa exdeputada da CUP Mireia Boya acerca do panorama que se abre trala “capitulación” do president ante Madrid.

A república é unha oportunidade para lograr dereitos sociais

A activista e política discrepa con algunhas das decisións tomadas polo actual Govern e considera que o único xeito de lograr a proclamación da república é manténdose á marxe da lexislación española. Boya apunta que o Govern da Generalitat “non pode estar supeditado” ao Constitucional e a Moncloa para lograr a desconexión territorial. Para ela, a república non é só unha cuestión de “independencia”, senón tamén de “conseguir máis dereitos sociais” fronte ao “recorte de liberdades do Estado español”. Neste senso, a exdeputada lembra a Llei d’Emergència Habitacional aprobada polo Parlament catalán e posteriormente suspendida polo Tribunal Constitucional.

Moción de censura

No tocante á moción de censura impulsada por Pedro Sánchez, a CUP mantén unha posición de certa indiferenza. Mireia Boya considera que “nada cambiará” se o PSOE chega á Moncloa sen vontade de negociar unha saída á situación política de Catalunya máis alá do artigo 155.

- Publicidade -