O goberno municipal da Coruña quere recuperar a xestión directa das bibliotecas de proximidade

Haberá un contrato "ponte" no tempo en que se realice un estudo técnico previo a través de Emvsa

O goberno municipal da Coruña quere recuperar a xestión das bibliotecas de proximidade. Anunciouno en rolda de prensa o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. Primeiro realizarase un estudo técnico e, ao mesmo tempo, o concello permitirá a xestión transitoria do servizo de bibliotecas, para garantir a prestación do servizo durante o tempo no que se realizan estes estudos con todas as garantías xurídicas para as e os traballadores a través dun contrato “ponte”.

- Publicidade -

José Manuel Sande: “Malia os bloqueos do Goberno central, apostamos polo proceso de remunicipalización do servizo”

Ai dea, transmitida aos medios de comunicación por Sande, é a “aposta por esta municipalización, e á nosa vontade de buscar opcións e seguir adiante con ela”. O concelleiro lembrou as dificultades que pon o goberno estatal afirmando que “pese aos bloqueos do Goberno central, a través desta vía, que ademais garante os postos de traballo, unha cuestión que foi en todo momento e segue a ser unha premisa central no noso proceso de remunicipalización“.

Persoal funcionario

Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga

A proposta do goberno municipal sería o funcionamento a través de persoal funcionario, dos servizos centrais, que son os que na actualidade se concentran no edificio municipal de Durán Loriga, e que inclúen tamén a Biblioteca de Estudos Locais e a biblioteca infantil e xuvenil. Do mesmo xeito, contempla a xestión directa da dirección, por parte de persoal funcionario, da totalidade de bibliotecas de proximidade, como son a do centro Ágora, Fórum Metropolitano, O Castrillón, Monte Alto, Rosales e a Sagrada Familia. Tal e como adiantou o concelleiro, a xestión dos servizos bibliotecarios (técnicos e auxiliares) das bibliotecas de proximidade podería realizarse mediante unha sociedade mercantil local pública (como é Emvsa), en concordancia coa posibilidade que se abre a través do segundo punto da disposición adicional 26 da Lei de Orzamentos Xerais do Estado,.

O Concello licitará á maior brevidade o contrato ponte de servizos complementarios das bibliotecas, cunha duración dun ano prorrogable un segundo, e un importe anual de 2,4 millóns de euros, que operará no tempo en que Emvsa realiza os traballos encomendados.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego