A alcaldesa, Lara Méndez, xa asinou o decreto de organización do goberno polo que tanto os edís socialistas como os nacionalistas xa poden exercer. A única mudanza con respecto ao previsto é que a alcaldesa quedará co servizo de intervención, que dependía da área económica. Polo de agora, o pleno de organización continúa sen ter data. Da celebración deste pleno depende a aprobación dos recursos dos grupos políticos.
Que áreas hai e quen está á fronte?
Se ben Lara Méndez asumirá a alcaldía e o servizo de intervención, o socialista Álvaro Santos, segundo tenente de alcalde, dirixirá a área de Desenvolvemento Local Sostible. Paula Alvarellos, PSOE, farase cargo de Economía e Recursos Humanos. Cohesión Social irá para Ana González e Medio Rural e Deportes estará xestionado por Miguel Fernández que continúa de portavoz socialista.
Con respecto a Mobilidade e Infraestruturas Urbanas, esta área recaerá sobre o primeiro tenente de alcalde, o nacionalista Rubén Arroxo. Esta área engloba tamén infraestruturas urbanas, concellaría que dirixirá Álex Penas. Cultura, Turismo e Promoción da Lingua estará baixo a tutela da nacionalista Maite Ferreiro así como a área de Participación e Servizos para a Veciñanza será asumida por Cristina López, tamén do BNG.