Tres anos de goberno, tres anos de entendemento. O goberno da Deputación de Pontevedra fai un balance positivo deste período a un ano vista dunha nova cita electoral. En rolda de prensa compareceron a presidenta da institución, Carmela Sila, e o vicepresidente, César Mosquera. “Nestes tres anos de goberno de coalición, forte, unido e cun proxecto claro, fixemos un esforzo titánico para cambialo todo e podemos dicir que neste tempo conseguimos unha auténtica reconciliación co conxunto da provincia”, aseguraba Carmela Silva a modo de balance.
Máis do 40% dos orzamentos da institución van directamente aos concellos
Silva aportou datos como que “máis do 40% dos orzamentos da institución van directamente aos concellos que xestionaron máis de 200 millóns de euros para obras e gastos”. A presidenta provincial falou de proxectos concretos que mudaron a forma de xestionar os recursos públicos. Un deles foi o Plan Concellos. “Permite un reparto equilibrado dos recursos entre os concellos, que coñecen con anterioridade o que van recibir e poden deseñar a súa acción con antelación, cousa que non acontecía ata que chegamos”.
Colaboración entre PSOE e BNG
O vicepresidente César Mosquera salientou a colaboración e convivencia entre as dúas formacións políticas que sustentan o actual goberno na Deputación. “Un goberno que nin os máis optimistas pensaban que a estas alturas estaría nesta boa situación”, dixo.
Mosquera non se esqueceu dos aspectos negativos, en relación ao PP: as transferencias á Xunta de Galicia, debido aos atrancos que “xa sabiamos que ían poñer”, e, por último, criticou a oposición do PP provincial asegurando que “non aporta nada” e ademais é contrario á postura dos propios alcaldes ‘populares’.