Pontevedra é a cidade galega do cómic. O historetista e ilustrador Kiko da Silva detectou unha eiva na formación en banda deseñada que “non se estaba impartindo como debería” polo que se decidiu a actuar e mudar o rumbo do cómic galego. En 2012 fundaba a primeira escola profesional de banda deseñada e ilustración de Galicia, o Garaxe Hermético.
“Esta profesión, como outras que son excesivamente prácticas deberían estar impartidas por profesionais en activo e que traballen diso”. Esta foi a premisa coa que naceu o Garaxe Hermético e coa que labrou a súa traxectoria. A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, considera que “formar parte do relanzamento da banda deseñada ofrecendo un ecosistema máis creativo e innovador” constitúe “un orgullo”.
“É a única escola profesional con sona e traxectoria. Para nós é unha oportunidade”
Nos últimos anos, o Garaxe Hermético conseguiu chegar a acordos coas editoriais Galaxia e Xerais. Dende Galaxia, Fran Castro expresa con absoluta claridade que a día de hoxe esta escola “é crucial” e engade: “xa perdín a conta do número de ilustradoras e ilustradores que saíron do Garaxe Hermético e traballan con Galaxia”. Unha mensaxe que repiten en Xerais cando lle petamos na porta. “É a única escola profesional con sona e traxectoria. Para nós é unha oportunidade”, explica Francisco Alonso.
Con todo, un dos factores máis importantes e ilusionantes atópase dentro do alumnado do propio Garaxe Hermético. Unha das súas alumnas sostén ante as cámaras de Nós Televisión: “o mercado vai estar mellor para as nosas xeracións“. Nesa frase reside a forza desta escola e o futuro que se abre para o cómic galego.