O galego, unha lingua que “namora” nun país que “causa adicción”

Comeza unha nova edición dos cursos 'Galego sen fronteiras' para persoas de fóra de Galicia. Desta volta, participarán alumnos e alumnas dunha vintena de países

Bota a andar en Compostela a 31ª edición dos cursos de verán Galego sen fronteiras, que permitirán a preto de 80 estudantes de fóra de Galicia aprender a nosa lingua. As aulas combinarán as sesións teóricas e prácticas con diferentes palestras que protagonizarán homes e mulleres destacadas no eido cultural do país.

Ao acto de presentación desta nova edición acudiron os directores dos cursos, Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Participan arredor de 80 estudantes procedentes de Europa, América, África e Asia

Desta volta, o alumnado procede de 24 países de Europa, África, América e Asia, e de cinco comunidades autónomas do Estado español. O obxectivo principal é que as e os estudantes poidan integrarse por completo na sociedade galega. Neste mundo globalizado e diverso, Galicia salienta por ser un país que “causa adicción”, segundo apuntou Goretti Sanmartín, e cuxa lingua provoca, como salientou Víctor F. Freixanes, o “namoramento” daquelas persoas que a falan.

Unha vez finalizado o curso, a USC contará con 80 universitarios e universitarias que, á súa volta aos seus fogares, transmitirán o valor da cultura galega. O que tampouco esquecerán serán os múltiples conceptos que serven para denominar á choiva.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -