Home Programas Espazo Aberto ‘O galego campa!’ chega a máis de 20 campamentos para traballar contra as violencias machistas

‘O galego campa!’ chega a máis de 20 campamentos para traballar contra as violencias machistas

0
‘O galego campa!’ chega a máis de 20 campamentos para traballar contra as violencias machistas

‘O galego campa!’, que busca favorecer o uso do galego nos campamentos de verán e facilitarlle ao monitorado formación e recursos para o desenvolvemento de dinámicas que anime á mocidade a a se expresar nesta lingua, chega a 22 campamentos de verán de titularidade da Xunta de Galicia.

Na presentación, que tivo lugar no campamento Virxe de Loreto de Porto do Son, destacouse o papel que xogará a loita pola igualdade, a educación para a paz e a prevención das violencias machistas. Deste xeito, baixo o lema ‘Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor‘ arranca a oitava edición do programa ‘O galego campa!‘, que combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero.

Os obxectivos que persegue son os de introducir reflexión con perspectiva de xénero nos campamentos, axudar a identificar a violencia de xénero e promover a toma de posicións que axuden a minorar comportamentos que poidan derivar en abusos e faltas de respecto.  Chegará, ata o 8 de agosto, aos campamentos Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son, A Coruña), Mariña Española (Sada, A Coruña), Gandarío (Bergondo, A Coruña), Furelos (Melide, A Coruña), Espiñeira (Boiro, A Coruña), Granxa Zoo Grixalba (Sobrado, A Coruña), Area (Viveiro, Lugo), Benigno Quiroga (Portomarín, Lugo), A Devesa (Ribadeo, Lugo), Os Chacotes (Palas de Rei, Lugo), Poboado Os Peares (Carballedo, Lugo), Penedos de Xacinto (Entrimo, Ourense), Estación de Montaña de Manzaneda (Manzaneda, Ourense), Complexo O Corgo (Muíños, Ourense), Albergue A Vilavella (A Mezquita, Ourense), Residencia Xuvenil Florentino Cuevillas (Ourense), As Sinas (Vilanova de Arousa, Pontevedra), Pontemaril (Forcarei, Pontevedra) e Illa de Ons (Bueu, Pontevedra).

A finalidade última de ‘O galego campa!‘ é promover a galeguización lingüística das actividades educativas de tempo libre en Galicia mediante a realización de intervencións de educación non formal que axuden a desenvolver actitudes positivas cara á lingua galega por parte de mozos e educadores: actividades de dinamización que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos campamentos, propostas educativas que favorezan a reflexión e a anovación metodolóxica de programas entre os equipos de profesionais que traballan na campaña de verán e intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.