Home Programas Espazo Aberto O fútbol gaélico, aos pés de Galicia

O fútbol gaélico, aos pés de Galicia

0
O fútbol gaélico, aos pés de Galicia

O deporte galego segue a acadar novos éxitos. No fútbol gaélico, un deporte que se comezou practicar no país hai 8 anos, estase a atopar un auténtico filón, xa que a Selección Galega feminina vén de proclamarse vencedora do primeiro Campionato Europeo desta disciplina, celebrado a pasada semana na localidade bretoa de Lorient —An Oriant en bretón—. Nós Televisión conversa con tres das protagonistas, Laura Nercellas, Sonia Sobral e Nazaret Touceiro, tralo seu regreso a terras galegas.

Vitoria por duplicado

Logo de superar a fase de grupos con pleno de vitorias ante Alemaña, Francia e Bretaña, as galegas enfrontáronse ao combinado galo nunha intensa final na que remataron a primeira parte por detrás no marcador. Porén, Galicia remontou e se alzou coa vitoria en dúas ocasións. Si, en dúas, por mor dun erro arbitral: “Faltaban cinco minutos e estabamos perdendo, pero anotamos dous goles e gañamos; porén, o árbitro trabucouse e deu un empate, polo que tivemos que voltar ao campo e gañar de novo a Francia nos últimos intres”, apunta Laura Nercellas.

O fútbol gaélico, aos pés de Galicia

Conversamos coa Selección Galega de fútbol gaélico após a súa vitoria no Europeo celebrado en Lorient

Publicada por Nós Televisión en Martes, 14 de agosto de 2018

As xogadoras da Selección nacional pensan xa na vindeira cita internacional: o Mundial que se celebrará en 2019 na capital irlandesa, Dublín. Asemade, fan un chamado á mocidade galega para que practique este deporte e comece “facer canteira” de cara ao futuro. Semella que estes non serán, nin moito menos, os últimos fitos dunha xeración privilexiada de xogadoras dun deporte en constante crecemento.