Corenta e catro anos despois do falecemento do ditador Francisco Franco, o fascismo non abandonou o estado español. O Val dos Caídos vive o primeiro aniversario da morte do ditador sen albergar o seu corpo no mausoleo pero, pese iso, si celebrará unha misa ás 11 horas na súa honra. En total, haberá 16 misas no estado español en homenaxe a Francisco Franco, ningunha delas en Galicia.
“Franquismo post Franco”
O grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, no que está integrado o BNG, organiza o 20 de novembro a conferencia “Franquismo post Franco”. “Como demócratas temos a obriga de frear o avance do fascismo no Estado español e en Europa e dar cumprimento á Resolución aprobada hai un ano na Eurocámara e prohibir as fundacións vencelladas ao franquismo”, subliña a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, unha das coautoras desa Resolución.
Nas xornadas participan o presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Telmo Comesaña; a representante da Asociación das 13 Rosas de Asturias, Laura Díez; a neta dunha vítima represaliada, a galega María Lores; e a representante da Asociación de Nenos Roubados, Sol Luque.
Estas intervencións completaranse coa participación de dúas persoas, representantes da Comuna ex presos e presas represaliadas por “Billy el Niño”, Miguel Ángel Gómez, “Gus”, e Rosa García, quen falarán en primeira persoa de como o franquismo exerceu a tortura como base para manter o seu sistema de terror. Neste obxectivo de poñer sobre a mesa a represión franquista tamén terán voz na conferencia da próxima semana os investigadores galegos Carlos Babío e Manuel Monge.