
O Festival Revenidas contará unha vez máis coa campaña que promove a Deputación de Pontevedra baixo os lemas #LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS #CONTACOMIGOEURESPÉCTOTE para loitar contra os agresores e cómplices machistas. A campaña constitirá na instalación dun punto de información o sábado 10 de agosto, desde as 12 ás 18 horas (coincidindo coa sardiñada popular), con cinco axentes de igualdade que entregarán os folletos da campaña.
#LEMBRAEUDECIDOTIRESPECTAS vai dirixida tanto aos mozos como as mozas, con materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra as agresións sexuais. A maiores, buscan clarificar o esencial papel do consentimento colocando por diante que a responsabilidade das agresión sempre é dos agresores e nunca da supervivente. Outros materiais (sombreiros, tarxetas, adhesivos e pulseiras) complementan a campaña e, como novidade, este ano se repartirán guías en castelán, recollendo así as suxestións do público da pasada edición que proviña doutras comunidades autónomas. No stand darase tamén información sobre o CIM de Vilagarcía, para que as mulleres que se acerquen coñezan os seus servizos e localización.
‘Experiencias Sostibles’
Por outra banda, a Deputación tamén levará ao Festival Revenidas a súa campaña ‘Experiencias Sostibles’, que está a concienciar na loita contra os plásticos e os seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas, e que sucede á desenvolvida o pasado ano, “Somos historias. Somos sostibles”, na que se repartiron 2.750 ecocabichas neste festival. O punto de información estará instalado o sábado, día 10, desde as 13 ás 18 horas.