Da néboa sae a creatividade. Iso acontece só en lugares especiais, e Ponteareas é un deles. Alí xurdiu en 2012 unha nova asociación cultural que co nome de “Festival das Brétemas” comezou a súa andaina apostando pola defensa, apoio e difusión da cultura, a música e a lingua que non estaban a ser ben tratadas polo daquela goberno municipal.
“Xurdimos a raiz da xente que participamos nas asembleas do 15M, querimos facer algo novo, contar cunha alternativa cultural ás actividades que facía o concello daquela”, explica Laura Prado, “o primeiro festival fixémolo para contraprogramar as festas de Ponteareas. Logo agrandouse a idea e comezamos a facer actividades con outras datas fixas como o 8M, as Letras galegas… Organizamos no verán un xantar e outros eventos para conseguir financiarnos”.
Do feminismo ao problema dos lumes no rural
“Os primeiros anos non había temáticas concretas”, explica Laura Prado, “a partir de 2014 quixemos traballar sobre cuestións que consideramos importantes”. Ese ano tartaron o Feminismo, logo serian as linguas minorizadas (2015), corpos e sexualidades (2016), pobos nas marxes (2017) e este ano 2018 será sobre “Somos do monte”.
A excusa este ano vén da man da problemática dos lumes que afectou á zona no mes de outubro. “Ponteareas ten o seu aquel urbanita e tamén o punto rural e queremos crear un debate para sensibilizar, implicarnos e falar das políticas que se están a levar acabo agora mesmo como a Lei de Depredación”.
As Brétemas de 2018
O Festival deste ano ábrese o venres 28 de setembro coa presentación do libro “Mulleres de Gargamala (20 h.) para de seguido celebrar un obradoiro de danza tradicional (21 h.) para rematar cun serán tradicional (22 h.).
O día forte é o sábado 29 de setembro no que haberá música cos grupos As Carabuñeiras e Xénderal (12:30 h.) e dúas palestras nas que participarán o Sindicato Labrego Galego nunha delas para falar da “Titularidade compartida” e o Sindicato Andaluz de Traballadores que informarán da “Situación das temporeiras de Huelva”.
O Festival rematará coa celebración dun partido da liga Gallaecia de Fútbol Gaélico e un concerto ás 22 h. no que actuarán as Pandereteiras de Gargamala, Tamborililás, La Basu, Flow de Toxo, Kuban, Côco Dança Estímulo e Zénzar.