A Asemblea Aberta de Xeografía, Arte e Historia dá un paso á fronte para denunciar a falta de espazos que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) destina ao estudo en horarios nocturnos nas proximidades dos Campus Norte e Histórico. “Entendemos que nunha cidade como Santiago de Compostela que se xacta de ser unha cidade universitaria e nunha entidade como a USC que pretende situarse na vangarda das universidades galegas, non se pode manter esta situación de desleixos infraestruturais que nos levan a unha falta de espazos de traballo tanto en horarios nocturnos como nas fins de semana, momentos nos que a única opción que nos queda é acudir a Biblioteca Concepción Arenal, fortemente saturada pola proximidade dos exames”, sinalan nun comunicado.
As estudantes esixen “responsabilidade” por parte da USC e tamén do Concello en momentos nos que se “non treme o pulso para asinar a creación dunha universidade privada, tampouco debería tremer á hora de asegurar que as universidades públicas conten cos medios e os recursos necesarios para asegurar un entorno de estudo e traballo digno para o estudantado, o profesorado e todo o persoal que depende da USC”.
A Asemblea Aberta de Xeografía, Arte e Historia decidiu non saír esta noite da biblioteca ás 21.30 horas, como é habitual, senón que alongarán a estadía unha hora máis. O acto conta coa defensa e apoio das traballadoras da limpeza e do servizo bibliotecario do centro.