O estudantado das tres universidades galegas, chamado á folga indefinida

ANEGA convoca folga indefinida a partir deste xoves, 16 de abril, e esixe a finalización do curso académico

#FinDeCurxoXa, #AsíNonUVigo ou #AsíNonUSC foron algúns dos cancelos que formaron parte dunha campaña nas redes sociais que contou cun amplo seguimento do estudantado das tres universidades galegas. O sindicato estudantil ANEGA vén de convocar unha folga de duración indefinida este xoves 16 de abril para lograr as súas demandas: a finalización do curso académico coa superación automática das materias, tal e como tamén solicitan dende as ANPAS galegas no ensino medio e partidos políticos como Anova, o BNG ou Podemos.

Nestes momentos, as aulas transcorren de forma telemática polo que o estudantado deixará de asistir ás clases virtuais e de entregar traballos. “Amparadas no dereito á folga, paramos a partir do xoves 16: non asistiremos ás clases telemáticas e paralizamos a entrega de traballos, ata que os reitores decidan atender ás nosas necesidades”, especifican dende ANEGA. “A crise da COVID-19 derivou nunha situación sen precedentes no ensino. Demostrada a inoperancia dos métodos de docencia implementados, as tres universidades galegas ignoraron a imposibilidade das estudantes de seguir o curso, xa sexa por factores tecnolóxicos ou psicolóxicos”. Deste xeito, ANEGA sixe aos reitores das Universidades de Coruña, Compostela e Vigo que negocien co alumnado a finalización do curso académico.

Na facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela arrancaron xa este mesmo mércores, 15 de abril, coa folga indefinida convocada pola “actitude inaceptable” da dirección do centro educativo.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego