“Levo debuxando desde ben pequena o que finalmente me levou a facer a carreira de belas artes en Pontevedra, da cal me graduei este ano pasado”, explica Sara Piñeiro que na actualidade cursa un mestrado en Dirección de Arte Publicitaria. Xunto a ela, Eva Antelo Mata que está a piques de comezar un mestrado en Produción Artística Interdisciplinar. Ante elas, un panorama artístico galego en plena explosición e que aínda ten moito que dicir.
Eva Antelo
Que significa para vós a ilustración?
Eva: Para min foi o inicio da miña paixón polo debuxo, e o primeiro achegamento ás artes plásticas. De pequena, escollía os libros que ía ler segundo me gustasen ou non as ilustracións, e despois intentaba copialas e imitar ese estilo nos meus debuxos propios. Gústame moito e sigo o traballo de moitas e moitos ilustradoras/es; ata fai un par de anos, parecíame a mellor saída profesional unha vez rematados os estudos na facultade, mais agora… dubídoo. A vida freelance dáme un pouco de mediño, a verdade. Non a descarto totalmente, pero prefiro seguir probando e aprendendo outras formas de creación artística.
Sara: Unha linguaxe, un xeito de ver, pensar e comunicar. O termo, especialmente en certos círculos das belas artes, ás veces sofre de certas connotacións negativas, pero persoalmente intento manterme afastada do drama belas artes vs ilustración porque me parece innecesario…
“Penso que tanto a título persoal como social, deberiamos deconstruir e repensar ese código de regras non escrito”
Como de importantes poden ser os vosos sentimentos e emocións no proceso de creación?
Eva: A verdade é que non adoitan ser os protagonistas; aínda que sí haxa unha clara carga persoal, case nunca é intimista. Intento abstraerme cando traballo, crear e pensar sobre algo que me permita deixar de lado o barullo que se me forma dentro do cranio. Polo momento, o máis introspectivo non llo ensinei a ninguén. Quizais máis adiante, preciso máis tempo para darlle forma.
Sara Piñeiro
Sara: Pois bastante importantes. Normalmente o contido das imaxes que traballo está ata certo punto plantexado previamente polo que o contido non se vería tan afectado como o propio proceso de creación. Neste último sí que inflúen de maneira importante as cousas que esté pensando ou sentindo.
Citando unha perla de sabiduría anónima escrita no chan dun bus público: “Algo vai mal. Segue habendo fachas”
E as regras sociais, como encaixan (ou non) cos vosos traballos?
Eva: Sempre están presentes, creo que é un tema fundamental e inesgotable. Interésame moito a influencia que exercen na construción da identidade e da psique, xunto cos canons estéticos e os modelos de comportamento. O choque entre o que debemos ser e o que somos evidencia o poder de aniquilación que ten o grupo sobre o individuo. Penso que tanto a título persoal como social, deberiamos deconstruir e repensar ese código de regras non escrito, pois quedou xa obsoleto. A función das normas suponse que é facilitar a convivencia, non crear conflitos. Houbo moitísimos cambios sociais soamente nestes últimos 10 anos, e a moral imperante segue sendo a mesma de fai 40. Citando unha perla de sabiduría anónima escrita no chan dun bus público: “Algo vai mal. Segue habendo fachas”.
Eva Antelo
Recentemente graduadas, artistas, mulleres, novas. Como vos gustaría que fose o camiño a partir de agora?
Sara: Gustaríame que o camiño en última instancia dependese simplemente do traballo e de ningún deses conceptos que mencionas, por idealista que sone.
Eva: Pois postas a soñar… Facerme un oco no mundo artístico nada máis rematar os estudos, participar en exposicións potentes, e ter unha situación económica decente que me permita comprar bos materiais e ir ao cine sen ter que comer a mesma pota de lentellas toda a semana (que non tería problema porque me encantan as lentellas, é só unha maneira de falar). Ou máis utópico aínda, o estado debería considerar a arte un servizo para a sociedade e convirta axs artistas en algo semellante a funcionarixs, pagando polo traballo artístico. Pero ese tipo de cousas só suceden en Noruega.
“Todxs nós temos moito que dicir no contexto cultural galego e tamén fóra del”
E, baixando os pés das nubes á terra, como credes que vai ser?
Eva: Botar moitos currículums, coleccionar empregos de medio pelo, compartir o alugueiro ata os trinta, apretar bastante o cinturón, e seguir creando como poida e cando poida. Con un pouco de sorte, nalgún momento conseguir unha obra interesante, rotunda, e ben consolidada, e sentirme por fin á altura da palabra “artista”, que tan forte resoa. A verdade é que con conseguir estabilidade emocional e uns ingresos que proveñan de calquera tipo de actividade mínimamente relacionada coa arte sentiríame satisfeita.
Sara: Sinceramente, complicado. Somos moitos na busca das mesas cousas e hoxe en día coas redes sociais é moi difícil non comparar o teu traballo co dos demais, pero tamén está o lado positivo de estar exposto a unha cantidade de arte inmensa continuamente, e que é xenial. Seguramente sexa duro, pero tamén moi interesante.
Sara Piñeiro
Sentides que as últimas xeracións que estades saíndo da facultade de Belas Artes tendes un papel que xogar dentro da arte galega?
Sara: Por suposto, especialmente nun momento como este, no que se están a producir tantos cambios dentro da propia facultade. Penso que todxs nós temos moito que dicir no contexto cultural galego e tamén fóra del.
Eva: Facultade de Belas Artes só hai unha en Galicia, e técnicamente esta titulación é a máis axeitada se queres formarte como artista, así que supoño que un papel terémolo. Un recoñecemento xa non sei, está claro que estamos atravesando unha época de vacas fracas no tocante á arte: o peche do MAC, os problemas co MARCO… Sumemos ademais a clausura este ano de 2 dos 3 másteres que se ofertaban na Facultade: o máster en Libro ilustrado e Animación e mais o de Arte Contemporáneo, Investigación e Creación. Un golpe baixo, moi duro. Outro factor importante na ecuación: a polémica co novo Grao de Deseño e Creación que pretende implantar a UVigo. Non quero deixar mal sabor de boca tampouco. A pesares de todo este tumulto negativo, temos moito que dicir e moitas ganas de facernos oír. Quen sabe, ao mellor no futuro ata se estuda a xeración do 97 como unha das máis importantes da historia da arte. Por que non soñar?
Eva Antelo