Home Programas Espazo Aberto O documental “Arte+Muller+Galicia” estrearase en varias cidades galegas

O documental “Arte+Muller+Galicia” estrearase en varias cidades galegas

0
O documental “Arte+Muller+Galicia” estrearase en varias cidades galegas
Rosario Sarmiento, Goretti Sanmartin e Ánxela Franco
Rosario Sarmiento, Goretti Sanmartin e Ánxela Franco

Como entender a historia da Arte galega sen a muller? O documental Arte+Muller+Galicia dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, explícanos, a través das biografías, as obras e fundamentalmente de testemuñas, a importancia dunha boa parte de artistas do noso país silenciadas.

O filme foi un dos proxectos galardoados no I Concurso de Ideas ‘Luísa Villalta’ de Iniciativas Culturais pola Igualdade, convocado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña. Estrearase o 11 de abril no Teatro Colón da Coruña para logo proxectarse no Ateneo de Ferrol (20 de abril), Museo Provincial de Lugo (23 de abril), Museo de Pontevedra (25 de abril) e CGAC de Compostela (3 de maio).

Ser muller…e artista

A obra de Rosario Sarmiento procura unha reflexión sobre como influiu o feito de seren mulleres na carreira de varias artistas. “Recoller as súas opinións supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais”, explicou a directora na rolda de prensa de presentación do documental.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, sinalou no mesmo acto que “o documental de Rosario Sarmiento é unha maneira acaída de dar a coñecer os nomes e as obras das mulleres artistas que, tristemente, son case descoñecidas”.

A creación destes premios, como explicou a Deputada de Igualdade, Ánxela Franco, “son un modelo de colaboración necesaria na área, desta volta traballando man a man con Cultura xa que é imposíbel pensar na igualdade coma un departamento estanco”.